BALÓNS FÓRA. EMIGRANTES DO GOL
Galicia sempre foi terra de emigrantes de aí que non haxa lugar do mundo sen galegos e galegos sen coñecidos ou familiares noutro lugar do planeta. Esta diáspora chega ata o punto de que, como é ben sabido, a calquera español chámaselle “gallego” en Latinoamérica. O mundo do fútbol non é alleo a esta situación e algún dos pioneiros en xogar fóra de España foron nados na nosa terra. Dende Luis Suárez, bota de ouro, que pasou unha década gloriosa no Inter de Milán aos exploradores da lei Bosman xa no cambio de século: David Fernández, Pablo Couñago, Nacho Novo… todos eles conforman unha lexión disposta a abrir fronteiras e que alá onde vaias non só se poida degustar un bo caldo ou escoitar falar na lingua de Breogán senón que xa se pode berrar un gol con acento galego.
Por todo isto, INFORME DE FÚTBOL tentará seguir as andainas destes futbolistas que, na súa maioría, non aparecen nos medios e loitan por triunfar xirando arredor dun balón.
A selección dos futbolistas atende a razóns de orixe, formación e, en última instancia, a un criterio subxectivo. Por suposto esta lista é susceptible de ser corrixida e aumentada. Calquera recomendación será estudada.
Comezamos cun repaso do que vai de tempada para os nosos protagonistas:
Joselu (TSG 1899 Hoffenheim) Bundesliga 4 Partidos Xogados 1 Gol
Salto importante para o xogador, ex canteirán do Celta, que pasa de ascender a Segunda co Castilla a unha liga tan competitiva coma o campionato alemán. En principio, alterna titularidade na punta do ataque co suízo Eren Derdiyok. O mellor partido de Joselu ata o momento foi na visita a Stuttgart -vídeo- onde marcou o 0-2: Tras recibir un pase de Roberto Firmino nunha contra, foi cara a frontal, fíxose sitio ante Serdar Tasci e golpeou coa dereita a gol.
Iván Carril (SV Ried) Bundesliga 6 PX Europa League 2PX
Os problemas físicos lastran a participación do futbolista coruñés nesta tempada. Non xogou ningún partido completo pero cando está convocado adoita ser un recambio habitual. Co novo adestrador chegou a actuar como dianteiro pero onde mellor se desenvolve é na mediapunta. Agárdase a súa volta para este mes. Se esquece as lesións volverá a ser importante nun irregular SV Ried.
Rubén Rivera (WAC) Bundesliga 9PX ÖFB Cup 2PX 5G
A súa participación na Bundesliga está sendo mellorable en canto a efectividade xa que non marcou pese a ter algunhas boas ocasións. Si que aporta noutras facetas pero, tras alternar titularidade, semella que a explosión goleadora de Christian Falk o deixará máis tempo no banquiño. Nembargante, o ex do Montañeiros estoupou na Copa en dous partidos completos e cinco goles ante rivais de menor entidade.
Jonathan Aspas (Alki Larnaca): División A 3PX
O moañés, un dos irmáns maiores de Iago Aspas, leva xa dúas tempadas e media en Chipre e varias experiencias no estranxeiro, non todas satisfactorias como a mala pasada do Mouscron en Bélxica onde desapareceu o club namentres el tentaba recuperarse dunha lesión de gravidade. Esta tempada, na primeira xornada, entrou na segunda metade no derby contra o AEK Larnaca, tivo unha boa ocasión nun disparo afastado pero logo foi expulsado de maneira algo rigorosa. Volveu para xogar contra APOEL na derrota por 1-3 (iniciou a xogada do único gol local) e Anorthosis. Aspas é un dos líderes do equipo e xa non acostuma actuar tan preto da banda dereita como antes. Agora aparece ben como medio ofensivo, ben coma interior dereito. De momento, o calendario foi terrible para o Alki pois atopouse cos catro primeiros da clasificación. Último sen puntuar, a súa liga empeza agora.
Pablo Suárez (Doxa Katokopias): División A 1PX
Este lateral esquerdo chegou a Chipre tras xogar a fase de ascenso a Segunda B co Pontevedra. Na primeira xornada de liga foi expulsado fronte ao AEL nunha acción na que cometeu penalti. Se ben a falta existe a expulsión foi excesiva. Dende entón, non xogou máis. Curiosamente, o Doxa tivo un calendario similar ao Alki Larnaca e marcha tamén con cero puntos.
Damián Bellón (Veria) Grecia Superliga 2PX
Este xogador nado en Saint Gallen (Suiza) pero con orixe na comarca de Ferrolterra pasou polas categorías inferiores do Aston Villa xunto co seu irmán xemelgo, Yago. Foi titular na segunda xornada contra o Panionios onde apareceu en posicións de banda dereita e polo centro apoiando o ataque. Fixo un bo partido amosando visión de xogo. Non volveu a aparecer no once pese a iso ata a pasada semana onde saíu na segunda parte da vitoria sobre o Panthrakikos.
Jonathan Carril (Kitchee) HKFA 1ª División 4PX 3G
O dianteiro centro do Kitchee amosou o seu olfacto de gol. Pese a non ser titular foi moi efectivo. Na primeira xornada, contra o Sun Hei, entrou polo mancado Jordi Tarrés e marcou dous goles de rematador -ver vídeo, dorsal 8-. Catro días despois fronte ao Citizen saíu no descanso cando o seu equipo perdía, foi autor dunha asistencia e sufriu un penalti que el mesmo executou para culminar a remontada. Tamén participou nos outros dous encontros: A derrota fronte ao máximo rival polo título, South China, por 1-0 onde tivo unha boa oportunidade que mandou ao longueiro e a doada vitoria ante Southern District, que será o seu equipo a partir de agora onde coincidirá cun ex compañeiro no Palencia, Rubén López.
Dani Cancela (Kitchee) HKFA 1ª División 3PX
O lateral esquerdo coruñés destaca normalmente polas súas incorporacións ao ataque aínda que esta tempada non está sendo fixo nas aliñacións e tampouco destacou a súa faceta ofensiva polo momento. Para saber un pouco máis das súas aventuras en Asia paga a pena ler esta entrevista no blog Fútbol Ofensivo.
Yago González (Kitchee) HKFA 1ª División 4PX
Destacou a pasada tempada tras chegar á metade da liga dende o Pontevedra e cos seus goles axudou de xeito determinante para gañar a liga. Nesta época, pese a ser habitual, aínda non atopou porta, se ben non é a referencia arriba. Na primeira xornada mandou un penalti ao traveseiro.
Pablo Couñago (Kitchee) HKFA 1ª División 0PX
O campión do mundo sub20 no ano 1999 acaba de chegar a Hong Kong para ser a referencia en ataque do Kitchee. Tras pasar pola Premier e o Championship en Inglaterra, o dianteiro de Redondela estivo na última época na segunda liga de Vietnam, nun histórico do país coma o Dong Tan Long Am ao que axudou a ascender a Liga V. nunha xeira de resultados espectaculares: 10 victorias nos últimos 11 partidos. Haberá que agardar á volta do parón de seleccións para ver o seu debut co Kitchee pois o seu transfer non chegou a tempo para o partido do vindeiro domingo 7 de outubro.
Dieguito Folgar (Southern District) HKFA 1ª División 4PX 1G
O que fora estrela no campionato de Brunete chegou ao Southern, recén ascendido, para ser unha das súas referencias ofensivas. Abofé que se presentou ben pois marcou no primeiro minuto do seu debut ao recoller un rexeite nunha xogada a balón parado. Foi un partido no que estivo moi activo pero que remataron perdendo 3-1 contra o Rangers con polémica. Co 2-1 no marcador o árbitro anulou un gol ao Southern por entender que nunha internada e centro de Dieguito o balón traspasou a liña de fondo. Contra o Kitchee estivo moi só arriba e na última xornada contra o Tai Po empezou o partido coma mediapunta algo retrasado na primeira parte e na segunda, máis arriba, detrás do dianteiro centro, que é onde destaca máis.
Goran Maric (Lombard Pápa) NB I 3PX 2G
Retornou á máxima categoría do fútbol húngaro tras un paso discreto por Kazakstán. Será a súa segunda étapa no Lombard Pápa, club da zona baixa da táboa. Goran que é fillo de Zoran Maric (dianteiro serbio que pasou polo Celta e o Compostela) formouse nas categorías inferiores do Celta e agora é o referente ofensivo deste club húngaro. Forte e bo na definición, acusa a súa escasa mobilidade pero tamén o desasistido que se atopa por momentos nun equipo moi xusto en canto a calidade. Foi titular nos tres últimos partidos do Lombard Pápa, destacando o seu debut ante o KTE -ver vídeo- con dous goles. Na derrota fronte ao Pécs tamén participou no gol.
INGLATERRA
Iago Falque (Tottenham Hotspur) League Cup 1PX Premier U21 2PX 2G.
Forma parte habitual das convocatorias de André Vilas-Boas cos Spurs pero aínda non debutou na Premier. Na Copa fixo un bo partido escorado á dereita do ataque e nas súas aparicións na liga sub 21 fai valer o seu talento. A mágoa é que non parece que vaia contar con oportunidades na máxima categoría unha vez o Tottenham recupere lesionados e corre o risco de estancarse se non empeza a competir a niveis maiores.
Denis Suárez (Manchester City) Premier U21 4PX 2G League Cup 1PX Next Gen Series 3PX 2G
Formado no Celta, Denis Suárez é unha das pezas importantes do equipo sub21 do Manchester City e tamén conta para Roberto Mancini polo que foi titular na derrota en Copa da Liga contra o Aston Villa. Denis progresa a pasos de xigante e con tan so 18 anos, este rapaz de Salceda de Caselas lidera tamén o equipo da Next Gen Series, a Champions xuvenil, onde xa marcou dous goles, un de penalti. Será o referente do fútbol galego nos anos vindeiros.
Adrián López ‘Piscu’ (Wigan Athletic) League Cup 1PX
O central de As Pontes que abandonou o Deportivo da Coruña dun xeito controvertido e nunca chegou a ter continuidade na Premier, onde apenas dispuxo de minutos na pasada tempada. Xogou na victoria por 1-4 contra o West Ham United na Copa da Liga.
Gonzalo García “Recoba” (Maccabi Tel Aviv) Liga Ha’Al 5PX 1G Toto Cup 3PX 2G
Naceu en Montevideo pero ten raíces compostelás, por onde deu os seus primeiros pasos futbolísticos fóra de América. Leva dende o 2005 xogando por Europa adiante –especialmente nos Países Baixos- e nesta tempada chegou ao Maccabi Tel Aviv de Óscar García e Jordi Cruyff, que xa o coñecía do seu paso polo AEK Larnaca en Chipre. É fixo nas aliñacións e peza clave no ataque cos seus goles e asistencias. De momento, xogou tódolos partidos e foi fundamental no pase aos cuartos de final da Toto Cup.
Gustavo Souto (FC Kairat) Premier 7PX 2G
Unha das fronteiras que quedaban por traspasar era esta extensa república que no seu día foi parte da Unión Soviética. O dianteiro vigués chegou a antiga capital, Almaty, a metade desta época é dende o primeiro momento foi titular nas aliñacións do Kairat que, cun corpo técnico español, pelexa por evitar o descenso.
Aos catro minutos do seu debut xa marcou, mágoa que o partido ante o Sunkar se complicou cun penalti e expulsión e non valeu puntos. O outro gol que, de momento, leva “Gus” deu a vitoria ante o Taraz.
Un dos técnicos do equipo, Ismael Díaz Galán, valorou ao ariete para INFORME DE FÚTBOL: “É un xogador con perfil 9 clásico pero que está gañando mobilidade entre liñas cunha capacidade finalizadora por enriba da media con calquera superficie”. Pasar de Teruel a Almaty semella radical pero según o adestrador asturiano “está adaptándose ben ás durísimas marcaxes dos centrais desta liga, tamén fai un gran traballo en defensa e ten carácter gañador e sacrificado”. Non estraña por tanto que sexa fixo dende a súa chegada e un dos xogadores clave que debe dar un pulo ao equipo nas últimas xornadas. “Souto é un bo líder e bo profesional, moi querido no grupo, a súa fichaxe foi unha recomendación miña e volvería a levalo a calquera equipo, poucos dianteiros do seu perfil se adaptaron tan ben a organización do xogo do meu sistema”. A falta de dous partidos para o final da competición, o Kairat Almaty está catro puntos por enriba do descenso que marca o Zhetysu por onde pasou, discretamente, Goran Maric esta tempada.
Rodrigo Moreno (Benfica) Superliga 5PX 3G Champions League 1PX
Esta ten que ser a tempada na que Rodrigo dea un paso adiante pois as saídas de xogadores encarnados como Saviola deben darlle máis minutos e responsabilidade. Destaca máis como segundo punta pero debe adaptarse a tódalas posicións do ataque para gañar minutos. Curiosamente só marcou cando xogou ao lado dunha referencia nas xornadas 2 e 3 fronte Vitoria Setúbal –nunha actuación sensancional que se pode ver no vídeo- e Nacional de Madeira. Polo momento, foi titular en tódolos encontros da liga portuguesa e da Champions excepto contra o Barcelona.
Raúl Cabanas (Juventus Zurich) 1.Liga Promotion 8PX 5G Copa 1PX
Tamén Raúl Cabanas forma parte dunha familia futboleira pois é curmán do que fora internacional absoluto suizo, Ricardo Cabanas, xa retirado. Un dos xogadores clave no ataque do Juventus, con 5 goles no que vai de tempada para este equipo do terceiro nivel do fútbol suizo
Carlos Varela (Koniz) 1.Liga Grupo 2 6PX 2G Copa 1PX 1G
Un clásico da Superliga suiza onde foi xogador importante sobre todo no Young Boys. Agora apura os seus últimos anos como profesional no Koniz, onde aporta experiencia e goles. Estivo tres partidos sen xogar por un cartón vermello directo.
Yago Bellón (Kreuzlingen) 1.Liga Grupo 3 6PX 1G Copa 1PX 1G
O irmán xemelgo de Damián Bellón participa no cuarto nivel do fútbol suízo. Foi expulsado na primeira xornada pero tras volver foi sempre titular. Tamén na fase de clasificación para a Copa Suiza foi da partida, marcou pero quedaron eliminados perdendo a opción de aparecer en escaparates mellores.
Lucas Pérez (Karpaty Lviv) Premier 9PX 4G
Saíu no 2011 da canteira do Rayo Vallecano ante as nulas oportunidades que tiña con José Ramón Sandoval e os problemas da entidade. Dende a súa chegada a Lviv converteuse en xogador clave e este verán incluso o Real Madrid quixo incorporalo para reforzar a dianteira do Castilla. Lucas móvese por toda a zona ofensiva con bo tino para o gol, xa que é o pichichi do equipo. Tamén é un dos responsables de executar as accións a balón parado. No que vai de liga xa marcou un gol de penalti e outro de falta directa. No seguinte vídeo pódense ver as súas mellores accións ante o Chornomorets. Lucas leva o número 77 e marca un gol de falta.
Tódalas informacións son froito da observación directa dos partidos e/ou dos resumos así como de colaboracións de xornalistas, blogueiros e fans que seguen a estes equipos. Gracias especiais a Spurs Spain, Fútbol Portugués desde España, Hellas Football, Hungarian Football e Afluentes del Fútbol entre outros.
Se coñeces a algún futbolista galego que estea xogando polo mundo adiante, en calquera categoría, deixa un comentario. Sabemos que hai máis e algúns non están aquí por falta de información contrastada.
Datos actualizados ata o 4 de outubro. O repaso aos emigrantes do gol volverá o vindeiro mes.
Hacía tiempo que no leía un artículo tan bueno.
Enhorabuena.
Muchísimas gracias. Seguiré con el repaso a los gallegos que juegan fuera cada mes y también con otros artículos que espero que sean de tu interés.
Reblogged this on Asturgalicia Noticias.