Saltar al contenido

BALÓNS FÓRA. EMIGRANTES DO GOL II

noviembre 9, 2012

Segunda entrega das aventuras dos galegos que dan patadas a un balón polo mundo. A primeira provocou o récord de visitas na curta historia de INFORMES DE FÚTBOL, cousa que anima a facer cada mes a sección coa maior ilusión. Por certo, chegaron queixas pola ausencia de Verónica Boquete na lista. Foi algo premeditado. Como a súa tempada estaba a piques de rematar e parecía probable que acadaría algún éxito, deixouse un espazo reservado para un artigo personalizado e completo sobre a súa espectacular tempada que será publicado neste mes. Esta sección non tería sentido sen a maior estrela do fútbol galego na actualidade. Xa co novo curso, cada mes terá repaso xunto cos outros Emigrantes Do Gol.

     ALEMAÑA

 

Joselu Mato (TSG 1899 Hoffenheim) Bundesliga 8 Partidos Xogados 3 Goles

O ex do Celta converteuse en titular fixo para Markus Babbel nestas xornadas. Ao equipo fáltalle regularidade e iso non permite ao dianteiro amosar tódalas súas cualidades. Pasou inadvertido contra o Bayern Munich pero logo fixo o seu mellor encontro no Hoffenheim-Greuther Fürth, especialmente nunha gran segunda parte, con bos movementos, gran desmarque e definición no 2-1, un disparo espectacular ao longeiro, e o 3-2 ben situado entre os defensas para cazar e marcar. A mágoa foi que esta actuación individual quedou sen o premio dos tres puntos. Tamén foi titular no Mainz 3 Hoffenheim 0 e na victoria 3-2 recibindo ao Schalke, no que participou no gol decisivo.

     AUSTRIA

 

Iván Carril (SV Ried) Bundesliga 6 PX Europa League 2PX

Non entrou en ningunha convocatoria por mor dunha lesión que o ten amolado. A recuperación non está sendo boa e o xogador confirmou a INFORMES DE FÚTBOL que agarda estar de volta tras o parón invernal. Conta con que lle permitan recuperarse en España xa que o proceso en Austria non está cumprindo cos prazos previstos. Cando volva a xogar, terá novo adestrador, pois Heinz Fuchsbichler foi despedido pola débil imaxe do clube.

Rubén Rivera (WAC) Bundesliga 11PX 1G ÖFB Cup 3PX 5G

Días estraños para Rubén Rivera pois a súa participación foi moi irregular, saíu na segunda parte con 0-5 no marcador ante o Ried, marcou un bo gol pero apenas maquillaron o resultado cun 2-5 final. Logo ante o Red Bull Salzburgo empezou como titular e tivo unha boa oportunidade que non entrou por pouco. Foi substituído por Christian Falk que está gañando a pelexa pola primeira opción en ataque e xa non xogou en liga, pois o WAC-Sturm suspendeuse por unha forte tormenta xusto cando acababa de entrar no campo e o partido ante o Mattersburg viviuno no banco. En Copa segue sendo a primeira opción anque esta vez non foi quen de marcar no pase de rolda por 1-2 ante o Lustenau.

     CHIPRE

 

Jonathan Aspas (Alki Larnaca) Division A 7PX 1G Copa 1PX

Non acaba de despegar un Alki Larnaca que semella ter mellor conxunto do que a clasificación di. Jonathan Aspas é fixo no equipo e incluso abriu a súa estatística goleadora ao rematar coa cabeza un centro de Barge no 1-1 vs Enosis (Ver vídeo, a xogada do gol está no minuto 2:15)  Foi titular no resto de partidos, incluído o 6-0 co que pasaron por enriba do Akritas na Copa. Xa xurdiron os primeiros rumores de destitución do técnico, Costas Kaifas, así que na próxima entrega de Emigrantes do gol podería haber novidades.

Pablo Suárez (Doxa Katokopias) Division A 3PX

O ex do Pontevedra segue pelexando por un posto coma titular pese a que o equipo acada mellores resultados con el no campo. Saíu de inicio e venceron a Paphos, repetiu ante o Alki de Jonathan Aspas pero recibiron un gol de penalti ao final cando Suárez xa fora substituído. Non xogou máis, nin na eliminación da Copa ante un equipo de segunda, nin contra Apollon e Omonia, partidos que tivo que ver dende o banco dos suplentes. Neste último día xa contou cun novo técnico, Loukas Hadjiloukas, que tan só realizou unha substitución nese encontro.

Brais Lorenzo (Akritas Chlorakas)  2. División – sen datos

Incorporamos a Brais Lorenzo á nosa lista pese a que carecemos de datos estatísticos sobre a súa participación no Akritas Chlorakas onde está cedido polo Doxa Katokopias. O pechacancelas da segunda división chipriota non parece o sitio máis cómodo nestes intres. Os únicos datos atopados foron da Copa, onde Alki Larnaca os goleou 6-0 e Lorenzo non participou.

     GRECIA

 

Damián Bellón (Veria) Superliga 4PX

O suízo non acaba de gañarse un posto de titular pero aparece de seguido nas listas de convocados. A súa participación máis destacada foi fronte ao Atromitos cando saíu nos derradeiros minutos do partido e o Veria pasou de perder 0-2 a acadar un punto. Despois diso tan só tivo uns intres para xogar contra o Asteras Tripoli pero xa estaba todo perdido. A errática traxectoria do Veria nestas últimas datas pode traer algúns cambios e darlle máis oportunidades.

     HONG KONG

 

Dani Cancela (Kitchee) HKFA 1ª División 3PX

Un dos poucos defensas galegos no exterior, o lateral esquerdo coruñés non está tendo sorte, pois non tivo minutos en outubro, pasou dous partidos no banco e logo non apareceu máis na convocatoria. Sexa por molestias físicas ou porque as preferencias do adestrador Josep Gombau viraron á hora de asignar as prazas de estranxeiros, Dani pasa o peor momento dende que chegou ao Kitchee.

Yago González (Kitchee) HKFA 1ª División 8PX 2G HK Shanghai Inter Club 1PX

O dianteiro vigués por fin atopou as redes rivais, anotou  dous goles na vitoria ante o  Yokohama  (1-4) tras sendas asistencias de Lam Ka Wai. Tamén foi titular ante Pegasus e no decepcionante 1-1 ante Tuen Mun, substituído en ámbolos dous partidos por Couñago. Na última xornada, Tai Po 1-Kitchee 3 participou na segunda parte. Tamén foi da partida na ida da 2012 Canon HK Shanghai Inter Club Championship, onde o Kitchee foi goleado 0-4 en casa polo Shanghai East Asia (campións do segundo nivel de China que xogarán na Superliga a vindeira tempada)

Pablo Couñago (Kitchee) HKFA 1ª División 4PX 4G HK Shanghai Inter Club 1PX

As  informacións oficiais que apuntaban que non xogaría ante o Yokohama por non ter o transfer internacional,  pero o dianteiro de Redondela apareceu na segunda parte. Tivo un debut discreto no que semellaba fóra de forma. Tódalas dúbidas quedaron despexadas no seguinte partido: saltou ao campo cando perdían 1-2 e dous goles seus (o segundo co talón) certificaron a remontada ao Sun Pegasus (Ver vídeo). Tamén apareceu dende o banco contra o Tuen Mun pero sin sorte. Foi titular fronte ao equipo de Shanghai pero non esquivou a dura derrota. Na Primeira División destacou de novo cunha actuación moi completa e dous goles, o primeiro dende os once metros para derrotar ao Tai Po.

Dieguito Folgar (Southern District) HKFA 1ª División 7PX 2G Senior Shield 1PX

O traballo no modesto Southern District non é doado así que recentemente, o vigués viuse obrigado a xogar en varios postos e sacrificarse moito por un equipo ao que por fin, empezan a chegar os resultados. Tras un discreto partido contra Sun Pegasus, fixo un gran esforzo na banda no punto rescatado ante un dos grandes, South China. A banda esquerda foi o seu terreo na Senior Shield pero pese ao gran partido e a que tivo unha boa oportunidade, un gol ao final deixou difícil a volta. O seu mellor partido dende que está en Hong Kong chegou ante o Citizen. Xogou como mediocentro ofensivo e con liberdade pero sen esquecer botar unha man atrás. Participou moito chegando dende atrás e incluso marcou un gol nunha contra.

Jonathan Carril (Southern District) HKFA 1ª División 7PX 5G Senior Shield 1PX

O mes de Jonathan Carril no Distrito do Sul foi lixeiramente descendente dentro dunha liña xeral positiva. Empezou moi forte, marcando de cabeza nunha acción a balón parado ao Sun Pegasus. Faltou a guinda nunha oportunidade ao final para ter gañado. Bateu o cobre só en punta ante South China, co manual do dianteiro solitario, aguantando para saír a contra, fixando centrais, provocando faltas, etc. Na Senior Shield semellaba algo canso e na liga ante o Citizen, pese a que marcou, non fixo o seu mellor partido, pero o seu traballo contribuíu a sumar o primeiro pack de tres puntos.

A continuación, os mellores momentos do Southern District-Citizen. O Southern vai de vermello, co 9 Dieguito e co 29 Carril:

     HUNGRÍA

Goran Maric (Lombard Pápa): NB I 7PX 6G Ligakupa 2PX Magyar Kupa 1PX

Mes bastante cargado e positivo para o Lombard Pápa e a súa referencia no ataque, Goran Maric. Titular en tódolos partidos excepto na eliminación da Magyar Kupa na que xogou a segunda parte. Na Copa da Liga (competición que na primeira fase xógase por grupos) aínda teñen opcións de pasar entre os mellores segundos. En Liga afástanse da zona de descenso, pois non perden dende setembro. Maric está rendendo a bo nivel, sempre como referencia do ataque, e marcando goles, a veces con fortuna como cando un defensa desviou o gol do empate ante o Ujpest. Na última xornada fronte ao Haladas, Maric marcou un penalti e tivo a opción de lanzar outro máis pero tentou metelo polo mesmo sitio e o porteiro adiviñou a traxectoria. No vídeo aparece a victoria do Pápa ante Honvéd con dous goles de Maric.

     INGLATERRA

 

Iago Falqué (Tottenham Hotspur) League Cup 2PX Premier U21: 3PX 2G. Europa League 2PX

Iago Falqué segue sen debutar na liga pese a que se senta cos suplentes en cada xornada. Outra cuestión é a Premier sub 21 onde é a estrela do equipo cada vez que aparece, esta vez o Southampton foi a vítima, pois participou directamente en dous dos catro goles que serviron para gañar. Tamén era habitual na Copa de Liga onde foro eliminados polo Norwich City. Ante os canaries, Falqué xogou todo o partido. Tamén conta na Europa League, entra no descanso fronte ao Maribor en Eslovenia, e pese ao gris partido dos Spurs, foi un dos destacados, bastante seguro no banda esquerda pero algo impreciso nos centros. Participou no gol do empate. No partido en casa ante os eslovenos tan só xogou nos minutos de desconto.

Denis Suárez (Manchester City) Premier U21 5PX 2G League Cup 1PX Next Gen Series 3PX 2G

O gran talento de Salceda de Caselas non brilou neste mes por mor dunha lesión. O 9 de outubro, no partido da Premier sub 21 contra o Wolwerhampton Wolves que rematou 1-1, Denis forzou un penalti mais tivo que saír lesionado. De momento segue en proceso de recuperación.

Adrián López ‘Piscu’ (Wigan Athletic) League Cup 2PX

Xogou completo o encontro fronte o Bradford City que rematou 0-0 no que foron eliminados nos penaltis. Na Premier League non foi convocado ate este último partido de liga, vitoria 0-1 en White Hart Lane, que viviu dende o banco.

     ISRAEL

Gonzalo García “Recoba” (Maccabi Tel Aviv) Liga Ha’Al 8PX 1G Toto Cup 3PX 2G

O Maccabi xa manda na Liga Ha’Al e Gonzalo «Recoba» manexa os fíos ofensivos da escuadra de Óscar García. Na vitoria ante 2-1 vs Ashdod, os dous pases de gol foron seus. E na visita ao Hapoel Acre volveu a dar un pase maxistral para sentenciar un novo triunfo. A conexión Gonzalo García-Eliran Atar puido verse no seu esplendor na última data, contra o Hapoel Ramat Gan os dous primeiros goles levaron esa prestixiosa sinatura.

 

     KAZAKSTÁN

 

Gustavo Souto  (Kairat Almaty) 9PX 2G

Rematou a tempada en Kazakstán e o Kairat Almaty acadou a permanencia. Amais amosou un estilo de xogo de tendencia combinatoria pouco visto neste extenso país. A mágoa é que o traballo dos adestradores españois comandados por Serer non terá continuación, pois un novo director deportivo decidiu prescindir deles pese as notables prestacións deste corpo técnico. En canto a Gustavo Souto, aínda non hai decisión sobre o seu futuro. Nos tres últimos partidos da liga, faltou ante o Irtysh por unhas molestias musculares e xogou enteiros os encontros ante o Aktobe (derrota 0-3) e Tobol (vitoria 1-0). En ámbolos dous cunha boa actuación, contra o Aktobe mandou un balón ao pau e contra o Tobol fixo unha gran primeira parte de traballo e mobilidade. Na segunda, pese a algunha imprecisión puido marcar nunha ocasión que se lle foi por pouco.

     PORTUGAL

Rodrigo Moreno (Benfica) Superliga 7PX 4G Taça de Portugal 1PX Champions League 3PX

O canteirán do Celta pasou nuns días de estrela mundial a perder peso específico no Benfica. Lima e Cardozo forman unha dura competencia e o sistema do Benfica non sempre ten lugar para el. Así foi titular ante o Beira Mar, onde fallou un penal pero marcou un gol. Tivo o seu pico de popularidade tras marcar catro goles para a selección española sub 21 ante Dinamarca. Dende entón alterna titularidade (os dous partidos de Champions contra o Spartak)  con suplencia, sendo sempre utilizado pero nunca fixo. Non marcou mais goles e aí pode estar a chave que explica a avantaxe que están tomando outros xogadores na carreira pola titularidade.

     SUIZA

Raúl Cabanas (SC YF Juventus) 1.Liga Promotion 13PX 7G Copa 1PX

O equipo de Zurich marcha na cabeza da liga de promoción que permite subir a Challenge League (segundo nivel de Suiza). Dende a anterior actualización só coñecen a vitoria e Raúl Cabanas é un dos xogadores claves arriba, aportando goles e asistencias. No vídeo, un gol de Cabanas ante o Breitenrain.

Carlos Varela (Köniz) 1.Liga Grupo 2 9PX 2G Copa 1PX 1G

O veterano centrocampista é titular habitual na banda dereita do Köniz, un equipo que loita polo ascenso ao terceiro nivel do fútbol local. O xogador de A Laracha non tivo sorte este mes de cara o gol pero a súa participación e experiencia é fundamental para acadar os obxectivos da tempada.

Yago Bellón (Kreuzlingen) 1.Liga Grupo 3 10PX 2G Copa 1PX 1G

A traxectoria do Kreuzlingen no cuarto nivel do fútbol suízo está sendo discreta e pese a que Yago Bellón é un dos seus xogadores máis incisivos, navegan da metade para abaixo na clasificación. Un gol de Yago serviu para sumar un punto ante o filial do Winterthur.

     UCRAÍNA

Lucas Pérez (Karpaty Lviv) 13PX 7G Copa 1PX

O Karpaty Lviv non consegue distanciarse da zona de descenso por mor da irregularidade do equipo. Deron a sorpresa na Copa ao eliminar na prórroga ao Metalist Kharkiv. Tódalas fazañas dos leóns verdes contan con Lucas Pérez coma protagonista. O coruñés é fixo no once titular. O mes non estaba sendo moi bo nin para o equipo na liga nin para Lucas, con pouca sorte cara ao gol –anuláronlle un legal ante o Zorya- pero, na última xornada, o Karpaty renaceu cun 6-0 ante o Kryvbas con hat-trick do galego. Entre eses tres goles, esta espectacular volea que hai que ver:

Iago Beceiro (Karpaty Lviv) 0PX

Foi unha das historias do verán. O prometedor xogador perdera importancia no Fabril e xa tentou marchar antes do peche do mercado cara Ucraína. Non foi posible e as negociacións prolongáronse ata esta semana cando por fin acordou a rescisión do contrato co Deportivo da Coruña que se reservará unha opción de compra para as dúas vindeiras tempadas.

Tódalas  informacións son froito da observación directa dos partidos ou dos resumos, así como de informacións recollidas na prensa e internet.

Se coñeces a algún futbolista galego que estea xogando polo mundo adiante en calquera categoría, deixa un comentario e aparecerá nesta sección.

Datos actualizados ata o 8 de novembro.

Anuncio publicitario
Deja un comentario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: