Skip to content

BALÓNS FÓRA. Emigrantes do Gol. Marzo 2013.

marzo 8, 2013

Pasou febreiro, o mes tolo, e volveron a maioría das competicións. Os galegos que patean balóns polo mundo activáronse case todos, e os que faltan, ofreceron novas. Temos que dar de baixa, temporalmente, a Brais Lorenzo, pois non segue no Akritas e busca equipo. Xa metidos en marzo, un mes cargado de emocións, na vindeira entrega falarase xa de algúns títulos, posicións, descensos…  e de goles galegos polo mundo. Nesta edición de Emigrantes contamos cunhas declaracións de Jorge Veloso, sobre a súa estadía en Malta.

deALEMAÑA

Joselu Mato (TSG 1899 Hoffenheim) Bundesliga 20 Partidos Xogados 4 Goles

Non foi convocado contra o Freiburg por problemas físicos. Participou na segunda parte da visita ao Hannover pero non serviron para remontar o 1-0 do marcador. O canteirán céltico non entrou moito en xogo na media hora que estivo no campo. Foi titular en dúas derrotas do Hoffenheim, que xa está en descenso directo. Contra o Stuttgart empezou coma dianteiro centro malia que caía a banda con frecuencia e na segunda parte xogou no cotado esquerdo. Acertado por momentos, estivo correcto pero faltoulle un plus de intensidade. No partido clave contra o Augsburg, perderon 2-1 con Joselu xogando na esquerda. O dianteiro galego asistiu no único gol visitante. A súa actuación, coma a do equipo, foi discreta. Na última xornada o equipo pelexou contra o Bayern, e só perderon por un gol, con Joselu no segundo tempo.

Ricardo Rodríguez (Wolfsburg) Bundesliga 14PX DFB Pokal 2PX

O Wolfsburg enfrontouse a rivais directos pola salvación neste mes pero o internacional suízo viviu o empate co Augsburg e a vitoria fronte ao Greuther Fürth dende o banco dos suplentes. Tampouco xogou contra este Bayern tirano nin contra o Schalke, derrotas sen posibilidades. Tivo dez minutos para traballar na banda esquerda no empate contra o Mainz e un cuarto de hora no trunfo copeiro contra o Kickers Offenbach por 1-2.

atAUSTRIA

Iván Carril (SV Ried) Bundesliga 6 PX Europa League 2PX

Operouse en xaneiro do nocello e xa empeza a facer adestramentos. Agárdase que nunhas semanas estea preparado para xogar.

Rubén Rivera (WAC) Bundesliga 17PX 1G ÖFB Cup 3PX 5G

Foi titular no primeiro partido dos lobos en Ried. Loitador coma sempre, tirou bos demarques pero logo non estivo atinado na finalización. O estado do terreo de xogo non axudou a ningún equipo, ao final empate a un gol. Saíu para os derradeiros minutos na vitoria no campo do Sturm Graz, e deu a asistencia a Kerhe nunha contra para o definitivo 1-3. Por fin puideron xogar en casa neste ano tras varios adiamentos e gañaron ao Rapid de Viena, dun xeito épico, pois remataron con nove xogadores sobre o campo. Rubén xogou na segunda metade, pero seguiu coa tendencia do mes, loita sen sorte. Ademais mandou fóra un penalti que non era. No empate a un contra o Red Bull Salzburg o seu esforzo tivo por fin premio, cun bo gol, xirándose no área tras recibir un saque de banda, e sobre todo, cun bo partido, como referencia, pelexando cos centrais, aguantando o balón para a saída do equipo. Aquí os mellores momentos do encontro.

cyCHIPRE

Jonathan Aspas (Alki Larnaca): Division A 17PX 2G Copa 1PX

Unha vez superada a lesión, o irmán e representante de Iago Aspas, entrou en tódalas segundas partes dos encontros do Alki Larnaca. Sempre con minutos por diante para aportar, sumaron unha vitoria contra o AEP (1-4), empataron contra Olympiakos (2-2) e perderon contra Apollon (2-1) e Omonia (2-4). Como curiosidade, a competición estivo parada durante dous fins de semana por mor das eleccións no país.

Pablo Suárez (Doxa Katokopias): Division A 13PX

Sae na segunda parte do empate a cero contra Apollon e xoga polo medio, ben. Logo foi titular xogando no medio no Omonia 3 Doxa 0, no Doxa 1 Olympiakos 1 e no Nea Salamis 0 Doxa 1. Pasou de estar case fóra do equipo a ser titular indiscutible, respondendo á confianza con bos partidos.

grGRECIA

Damián Bellón (Panetolikos):  Football League 7PX 4G Superliga 7PX

A chegada de reforzos relanzou ao Panetolikos na táboa do segundo nivel do fútbol heleno. Dende a última actualización, Damián Bellón foi titular en sete partidos, e marcou catro goles.  Debutou como titular tras un par de adestramentos e tivo unha boa aportación na vitoria por 0-2 na visita ao Apollon Smirnis. Xa non deixou o posto no once inicial. Unha das fichaxes da segunda división grega ata o de agora.

hkHONG KONG

Dani Cancela (Kitchee) HKFA 1ª División 6PX Senior Shield 1PX

Por fin Dani Cancela volve a ser habitual na aliñación do Kitchee, foi titular na Liga contra o Tuen Mun (gañaron 0-2) e fronte ao Southern District, deu a asistencia do único gol e foi o mellor do partido, subindo a banda esquerda con moito perigo.

Yago González (Kitchee) HKFA 1ª División 12PX 3G Senior Shield 2PX

Xogou nos dous partidos de Primeira división do Kitchee como titular pero non anda atinado cara ao gol.

Pablo Couñago (Kitchee) HKFA 1ª División 8PX 6G Senior Shield 2PX AFC Cup 1PX

Non xogou contra o Tuen Mun, logo foi titular na AFC Cup contra o Churchill Brothers da India, vitoria por 3-0. Contra o Southern District, entrou na segunda parte, perigoso no área, anuláronlle un gol por fóra de xogo algo dubidoso.

Dieguito Folgar (Southern District) HKFA 1ª División 13PX 3G Senior Shield 4PX FA Cup 1P

Dieguito lembra cada vez máis ao talento que foi de pequeno, é o líder da ofensiva do Southern District. Contra o Yokohama fixo un bo partido e asistiu a Jonathan Carril no gol da vitoria cun bo centro. Tamén deu o pase a Carril nun penalti que o dianteiro coruñés fallou. Contra Sun Hei asistiu no segundo gol, outra vez gran conexión con Jonathan Carril pero ao final non levaron ningún punto. Tivo moito traballo contra o Kitchee, empezou na dereita, pero as subidas de Cancela non lle deixaron tranquilo. No segundo tempo, xogando polo centro, estivo mellor.

Jonathan Carril (Southern District) HKFA 1ª División 11PX 7G Senior Shield 4PX 1G FA Cup 2PX 1G

Xogou con molestias contra o Yokohama, pero aínda así foi quen de marcar de cabeza o gol do trunfo, tivo outro remate que marchou fóra por pouco e provocou un penalti que el mesmo lanzou por enriba do longeiro. Volveu a marcar de cabeza contra o Sun Hei, pero remataron perdendo por 3-2. Non puido xogar contra o Kitchee o 2 de marzo por contrato, ao estar cedido polo actual campión de liga. Foi unha das cinco baixas de xogadores titulares para ese partido.

Velaquí o vídeo cos highlights do Southern District 0 Kitchee 1

huHUNGRÍA

Goran Maric (Lombard Pápa): NB I 11PX 8G Ligakupa 3PX 1G Magyar Kupa 1PX

Lombard Pápa xogou os cuartos de final da Ligakupa. Perderon 3-1 no campo do Ferencvaros pero gracias ao gol de Goran Maric deixaron as portas abertas á remontada. O dianteiro centro foi a única ameaza dos visitantes e marcou coa esquerda tras un bo movemento.  No encontro de volta, forzaron a prórroga na que un gol do Feréncvaros finalizou a aventura do Lombard nos torneos copeiros por esta tempada. Maric non xogou. Sí estivo na liga, onde o Pápa non foi rival para o Feréncvaros de Ricardo Moniz, 0-3. Non foi un bo comezo de ano o do equipo de Maric ante as aguias verdes.

englandINGLATERRA

Adrián López ‘Piscu’ (Wigan) Premier 5PX League Cup 2PX

Xa recuperado da lesión xogou co equipo reserva o 4 de marzo.

Iago Falque (Tottenham Hotspur): Premier League 1PX League Cup 2PX Premier U21 7PX 5G Europa League 2PX

Cedido no Almería.

Denis Suárez (Manchester City) Premier U21 9PX 3G League Cup 1PX Next Gen Series 3PX 2G

Denis segue a medrar na liga dos reservas inglesa. Foron dúas boas actuacións en febreiro que, sen embargo, empezaron mal: Unha perda de balón propiciou o 0-1 do Bolton U21 pero logo dúas asistencias súas para Pozo (unha de saque de córner) axudaron a acadar un punto fronte aos Trotters 3-3. Mellor resultado obtiveron tamén coma locais ante o Stoke, 4-1 onde Denis marcou un gol de penalti. Por último, marzo comezou cun mal partido dos citizens e derrota por 3-0 na visita a Reading.

ilISRAEL

Gonzalo García “Recoba” (Maccabi Tel Aviv) Liga Ha’Al 17PX 2G Toto Cup 5PX 2G Copa de Israel 1PX

Entre unha lesión e a chegada de reforzos para o seu posto, o papel de Gonzalo García quedou algo reducido no Maccabi, xa campión da liga regular a falta dunha xornada, con cinco vitorias dende a última actualización e moi ben situado para o playoff polo título. Xogou tres partidos, todos saíndo dende o banco substituíndo sempre a Zahavi, nova referencia de calidade na mediapunta do equipo. O vindeiro domingo pechan a segunda volta, na casa contra o Beitar Jerusalem, o equipo que os eliminou na Copa de Israel fai unha semana con “Recoba” xogando case toda a segunda parte.

David Rochela (Hapoel Tel Aviv) Liga Ha’Al 2PX

Debutou no derby Maccabi 4 Hapoel 0, algo perdido no lateral dereito. Titular no 1-1 fronte ao Ironi Kiryat Shmona, no que xa xogou de central pola esquerda. Non participou nos últimos dous partidos do Hapoel.

mcMALTA

Jorge Veloso (Melita) BOV Premier 5PX

O Melita marcha colista nos playoffs polo descenso en Malta tras dous partidos deste torneo final. Jorge Veloso foi titular na derrota contra o Mosta, mentres que  se mancou no derradeiro encontro da tempada regular.  Foi unha acción de mala sorte que el mesmo conta para INFORMES DE FÚTBOL “Nun balón dividido contra o Qormi, cheguei antes que o rival, pero el lanzouse ao chan, dándome no nocello e torcéndome o xeonllo”. Nun principio agardábase que o dianteiro vigués puidese estar de volta nun par de xornadas pero finalmente terán que operar. “Quero recuperarme o antes posible e axudar nalgúns partidos ao equipo”.

Sobre as posibilidades do conxunto que dirixe Patxi Salinas de evitar o descenso, Veloso amósase confiado “isto do playoff ten altos e baixos, e imos ir a por todos os partidos, non se me pasa outra cosa pola cabeza que non sexa acadar a permanencia”.  Dende que chegou o ex técnico do Ourense o equipo mellorou, obtendo resultados destacados contra algúns dos mellores equipos da liga, unha BOV Premier que, segundo Veloso, “ten nivel de Segunda B española ou os mellores da Terceira galega, é unha primeira división e aí sempre atopas bos xogadores”. INFORME DE FÚTBOL agradece a Veloso a súa colaboración e agarda que volva a xogar o antes.

nzNOVA ZELANDIA

Gustavo Souto (Auckland City) Premier 6PX 2G

Debutou nada más chegar, cuns minutos no Auckland 2 Waikatere 3. Dende entón foi titular en tódolos partidos. Tralo 3-2 vs Wellington comentou en Twitter:  “primer partido titular después de tres meses e catro adestramentos, 65 mins e estou morto”. Xogaron outra vez, nun partido adiado polo Mundial de Clubes, contra o Team Wellington no que Souto forzou o penalti do primeiro gol do Auckland City. A súa mellor actuación foi contra o Waikato (vídeo) Vitoria 7-1, marcou dous goles (os dous primeiros), fixéronlle un penalti e deu unha asistencia nese encontro. Xa metidos nos playoffs, polo momento a cousa pinta ben para o Auckland City pois gañaron ao Canterbury a domicilio por 1-2 con Souto de titular

ptPORTUGAL

Rodrigo Moreno (Benfica) Superliga 15PX 6G Taça de Portugal  4PX 2G Taça da Liga 3PX 1G Champions League 4PX

Marcou un gol no 3-0 fronte ao Vitoria Setúbal. Na visita a Madeira para se enfrontar ao Nacional xogou de inicio pero foi substituído no descanso. Titular contra a Académica pero sae no 65 tras unha actuación pouco destacada. Partido completo no 0-0 contra o Sporting Braga na Taça da Liga na que quedaron eliminados por penaltis.  Na eliminatoria da Copa da UEFA contra o Bayer Leverkusen non xogou, así como en varios partidos de liga.

Dani Abalo (Beira-Mar) Superliga 2PX

Saíu nos últimos minutos do Beira Mar 3 Sporting Braga 3, non puido aproveitar un partido roto para destacar. Logo viñeron catro derrotas consecutivas que afundiron aínda máis ao Beira Mar como pechacancelas da Superliga. Só tivo minutos na última contra o Benfica.

seSUECIA

Verónica Boquete (Tyresö)

Xa comezaron a pretempada, este ano Boquete levará o número 9 nas súas costas.

chSUÍZA

Roberto Rodríguez (Bellinzona) Challenge League 4PX 2G

Por fin ten minutos Roberto Rodríguez, titular en tódolos partidos do Bellinzona agora que xa está totalmente recuperado da lesión e en forma. Ademáis marcou dous goles que serviron para gañar ao Biel/Bienne e ao Wohlen. O Bellinzona marcha segundo, nun man a man co Aarau para ascender a Superliga. Sen embargo, os problemas económicos, poñen en perigo a supervivencia do club que incluso podería desaparecer neste mes.

Francisco Rodríguez (Zurich II) 1.Liga Promotion 1PX

Non xogou.

Raúl Cabanas (SC YF Juventus) 1.Liga Promotion 17PX 9G Copa 1PX

Só un partido do YF Juventus xa metidos en marzo e Cabanas foi titular e marcou o único gol do encontro ante o Delémont.

Carlos Varela (Köniz) 1.Liga Grupo 2 11PX 2G Copa 3PX 1G

Retoman a liga o 10 de marzo

Yago Bellón (Kreuzlingen) 1.Liga Grupo 3 13PX 4G Copa 1PX 1G

A competición volve o 10 de marzo.

uaUCRAÍNA

Lucas Pérez (Dynamo Kiev) Premier 17PX 8G Kubok 1PX

Iago Beceiro (Dynamo Kiev U21) Premier 0PX

Se ben non xogaron minutos na única xornada que se xogou de momento en Ucraína, os dianteiros galegos foron protagonistas das noticias. Lucas Pérez non quixo renovar polo Karpaty e foi apartado do equipo como medida de presión. Á última hora do mercado formalizouse a súa cesión con opción de compra no Dynamo de Kiev.

Pola súa parte, Iago Beceiro foi damnificado polos danos colaterais do caso de Lucas. O Karpaty decidiu botalo como medida de presión –comparten representante- . As últimas novas falan de que podería probar durante un mes no segundo equipo do Dynamo de Kiev.

 

Todas as informacións son froito da observación directa dos partidos ou dos resumos, así como de informacións recollidas na prensa e internet.

Se coñeces a algún futbolista galego que estea xogando polo mundo adiante en calquera categoría, deixa un comentario e aparecerá nesta sección.

Datos actualizados ata o 6 de marzo.

Anuncios
Dejar un comentario

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: