Skip to content

BALÓNS FÓRA. Emigrantes do Gol. Abril 2013.

abril 5, 2013

Xa chegou abril, o mes no que se deciden moitas competicións, e comezan as que aínda estaban paradas.

Falando de paros, coido que se achega o momento de deixar este repaso mensual, que consume moito tempo que xa non teño. Revisar aos emigrantes tódolos meses, leva moito traballo que normalmente tampouco se nota tanto, hai que ver partidos e resumos ou ler crónicas e incluso preguntar. A información que se ve na prensa oficial ou noutros blogs soe estar chea de inexactitudes ou versións parciais. Aquí non, non podo quedarme en que “non hai datos” dun partido do Hapoel Tel Aviv porque só fai falta ver o resumo ou ir a prensa local para saber que Rochela xoga e é titular. Estamos falando do Hapoel, non dun equipo da segunda chipriota dos que conseguir datos é tarefa case imposible incluso para os nativos. Nin podo publicar sen máis a información que filtra o axente de Lucas Pérez e Iago Beceiro á prensa e quedarme sen investigar un pouco. Todo isto leva tempo que querería empregar en escribir outros artigos no blog ou noutras facetas persoais e profesionais que precisan de tempo e concentración. Non deixarei de escribir dos galegos polo mundo, e pode que algunha edición máis se publique pero aquí deixo esta reflexión e o aviso por se o mes que ven non aparecen os emigrantes do gol. Moitísimas grazas a todos os que ledes isto, pois os posts sobre os galegos polo mundo soen ser os máis lidos do blog.

Podería por un botón de paypal para recadar pero non é por cartos, é por tempo. O que quero pedir é o apoio para un proxecto que non garda ningunha relación con este blog. O documental sobre Santiago Formoso, un galego que xogou con Pelé no New York Cosmos. Teñen un crowdfunding en marcha e ofrecen boas recompensas por apoialos.

Alen do Cosmos Trailer from Alén do Cosmos on Vimeo.

deALEMAÑA

Joselu Mato (TSG 1899 Hoffenheim) Bundesliga 23 Partidos Xogados 5 Goles

A traxectoria irregular do Hoffenheim deixa o equipo nunha situación delicada, en descenso a catro puntos do playout. Nos tres últimos partidos, vitoria contra o Greuther Fürth, partidazo de Joselu, cun gol e unha asistencia. Logo foi titular no empate sen goles ante o Mainz e na goleada encaixada ante o Schalke que propiciou o despido do adestrador Marco Kurz e do director deportivo. Joselu retomou a súa posición habitual como dianteiro centro neste mes, onde mellor rende.

Ricardo Rodríguez (Wolfsburg) Bundesliga 17PX DFB Pokal 2PX

A melloría do Wolfsburg deixou ao equipo da Volkswagen en terra de ninguén, coa tranquilidade de afastarse da zona perigosa para poder centrarse na Copa. Ricardo volveu a xogar como lateral esquerdo contra o Freiburg, goleada a domicilio na que o galego-suízo-chileno asistiu no terceiro gol a Olic cun bo pase longo. Repetiu posición contra o Fortuna Düsseldorf (empate a un). Fronte ao Nuremberg xogou no mediocampo pola esquerda, axudando bastante ao seu lateral pero non acadou o gran nivel dos dous encontros anteriores.

atAUSTRIA

Iván Carril (SV Ried) Bundesliga 6 PX Europa League 2PX

A piques de volver despois da lesión.

Rubén Rivera (WAC) Bundesliga 21PX 2G ÖFB Cup 3PX 5G

Segue aproveitando os minutos que ten no equipo revelación da liga austriaca. Fixo o gol da vitoria ante o Admira cun disparo cruzado. Volveu ao once inicial no partido adiado ante o Mattersburg que gañaron por 1-0. Xogou nos últimos minutos do empate ante o Wiener Neustadt no que tivo unha boa ocasión desbaratada polo porteiro rival. Tamén apareceu como suplente na vitoria contra o Wacker Innsbruck.

cyCHIPRE

Jonathan Aspas (Alki Larnaca): Division A 20PX 3G Copa 1PX

A loita do Alki durante este mes foi para chegar coa maior puntuación posible aos playoffs por evitar o descenso. Son catro equipos pero só hai tres cadeiras na Primeira para o ano que ven. Aspas empezou facendo un gran partido na vitoria por 1-0 ante o Nea Salamina: un pase seu a Bekel deixouno en boa posición e foi derribado no área. Dese penalti chegou o único gol do encontro pero as boas prestacións de Jonathan no ataque ben puideron levar a unha distancia maior no marcador se os seus compañeiros estiveran máis atinados. Aspas asistiu a Vasconcelos no primeiro gol dos tres que lle marcaron ao Ayia Napa. Para pechar a liga regular, gañaron 6-5 ao Ethnikos Achna, nun partido que está sendo investigado por posible amaño (vídeo). Aspas marcou o 1-0 de penalti.

Pablo Suárez (Doxa Katokopias): Division A 16PX 1G

Titular no 2-1 ante o Ayia Napa, bo partido do galego que segue actuando máis adiantado. As súas internadas pola esquerda foron a chave dos dous goles do Doxa, primeiro conectou con Carlos André ao que lle fixeron penalti e logo asistiu a Troiteiro no segundo gol. Na seguinte xornada perderon contra o Ethnikos, pero Suárez marcou o gol da honra, o seu primeiro no campionato. Tamén xogou de inicio na escandalosa goleada recibida ante o AEK Larnaca, 2-6.

grGRECIA

Damián Bellón (Panetolikos): Football League 12PX 7G Superliga 7PX

Unha pequena lesión non lle permitiu xogar no empate contra o Larissa e só apareceu no segundo tempo noutro empate fronte ao Kallithea. Titular nos seguintes catro partidos, Panserraikos (0-0), Anagennisi Epanomi (4-1) onde marcou un gol e deu a asistencia doutro, Anagennisi Giannitsa (1-3) con dous goles de Damián e, por último, 3-2 fronte ao Olympiakos Volou.

hkHONG KONG

Dani Cancela (Kitchee) HKFA 1ª División 8PX Senior Shield 1PX FA CUP 1PX

Titular na FA CUP, empataron a cero sufrindo un pouco contra o BC Rangers pero pasaron de rolda. Tamén saiu de inicio nos dous partidos de liga do Kitchee, aportando a súa vocación ofensiva. Non entrou nas convocatorias para AFC Cup pois están limitadas as prazas de estranxeiros.

Yago González (Kitchee) HKFA 1ª División 12PX 3G Senior Shield 2PX

Titular en ambos partidos de liga, o gol non o está acompañando como pasa con o equipo, que só se mantén na loita polo título grazas aos erros do seu máximo rival, o South China.

Pablo Couñago (Kitchee) HKFA 1ª División 10PX 7G Senior Shield 2PX AFC Cup 3PX FA CUP 1PX

Titular na FA CUP, empataron a cero sufrindo un pouco contra o BC Rangers pero pasaron de rolda. Foi substituído no segundo tempo por Tarrés. Na liga, un gol seu rescatou un punto contra o Sun Hei, pero non puido facer nada para deter ao Tai Po que remontou un 2-0. Dous decepcionantes resultados para o Kicthee. Na AFC Cup, foi titular nos dous partidos, trunfo en Singapur fronte aos Warriors pero non puideron na casa contra o Semen Padang de Indonesia, que lles gañou 1-2. O dianteiro de Redondela aínda non marcou nesta competición.

Dieguito Folgar (Southern District) HKFA 1ª División 15PX 4G Senior Shield 4PX FA Cup 1P

Gran mes para o Southern que avanzou determinado para acadar a permanencia. De feito, está máis preto a participación nas competicións (1 punto) continentais que a pantasma do descenso (5 puntos). No partido contra o Citizen, Dieguito sacrificouse moito en defensa e estivo ben lanzando algún contragolpe. Contra o Rangers gañaron 3-1, empezou o partido algo frouxo pero logo fixo un bo segundo tempo que rematou marcando un gol nunha contra.

Jonathan Carril (Southern District) HKFA 1ª División 13PX 8G Senior Shield 4PX 1G FA Cup 2PX 1G

No importantísimo partido pola permanencia, Carril marcou o penalti da vitoria para o Southern District contra o Citizen. Foi un partido gañado con certa sorte pero bo traballo, ao que Carril aportou tamén en defensa. No 3-1 fronte ao Rangers BC, Carril non tivo un bo día, ben marcado, sufriu ademais un golpe que lle obrigou a saír do campo e ingresar nun hospital. Todo quedou nun susto e unha visita ao dentista.

O incidente de Carril e o gol de Dieguito pódense ver neste vídeo:

huHUNGRÍA

Goran Maric (Lombard Pápa): NB I 13PX 8G Ligakupa 3PX 1G Magyar Kupa 1PX

O Pápa tan só xogou dous partidos de liga dende a última actualización, dúas derrotas sen goles nas que Maric non tivo, polo tanto, moita presenza. Tan só na primeira parte contra o Kaposvári, estivo o Pápa metido no partido, e Maric tivo unha boa oportunidade que non entrou por pouco.

englandINGLATERRA

Adrián López ‘Piscu’ (Wigan) Premier 5PX League Cup 2PX

Non foi convocado neste mes.

Iago Falque (Tottenham Hotspur): Premier League 1PX League Cup 2PX Premier U21 7PX 5G Europa League 2PX

Cedido no Almería

Denis Suárez (Manchester City) Premier U21 12PX 3G League Cup 1PX Next Gen Series 3PX 2G

Foi titular nos tres últimos tres partidos dos citizens, segue destacando pese a que o equipo non consegue os resultados que cabería agardar con nomes destacados como John Guidetti. Duás derrotas e un empate foi a pobre bagaxe destes encontros.

ilISRAEL

Gonzalo García “Recoba” (Maccabi Tel Aviv) Liga Ha’Al 20PX 2G Toto Cup 5PX 2G Copa de Israel 1PX

O Maccabi marcha firme en cabeza nos playoffs polo título de liga en Israel. Como xa comentamos o papel de Gonzalo García pasou a ser máis secundario coa chegada de reforzos no mercado invernal, en especial, de Zahavi. Aínda así, conta con minutos con frecuencia, nos que aporta un bo traballo entre liñas, pases, pero segue faltándolle mellorar a finalización. Xogou no segundo tempo do 5-0 contra o Beitar e logo tivo poucos minutos contra o Ramat Hasharon e o Maccabi Haifa.

David Rochela (Hapoel Tel Aviv) Liga Ha’Al 6PX

Rochela xa é titular fixo no centro de defensa do Hapoel. Remataron frouxos a liga regular, cunha nova derrota ante o Hapoel Rishon, pero nos playoffs polo título móstranse sólidos, nove puntos en tres partidos, só un gol encaixado, nun córner. Parte do mérito é do xogador cedido polo Deportivo da Coruña.

mcMALTA

Jorge Veloso (Melita) BOV Premier 3PX

Recupérase da lesión de menisco que xa non lle deixará participar na loita pola salvación do Melita.

nzNOVA ZELANDIA

Gustavo Souto (Auckland City) Premier 8PX 4G OFC Champions 1PX 1G

Marzo trouxo a decepción de perder a liga na prórroga contra o Waitakere United. Primeiro eliminaron a Canterbury cunha boa demostración de Souto na volta que marcou dobre no 3-1. Na final non foi determinante en ataque, Auckland marcou nos últimos minutos pero Waitakere empatou a tres a piques de cumprirse o tempo regulamentario. No engadido, Souto tivo unha boa ocasión diante do porteiro pero non conseguiu definir. Na prórroga e cun xogador máis por unha rigorosa expulsión, o Waitakere levou o título. Ambos equipos coinciden no mesmo grupo da Champions de Oceanía. O debut de Souto na competición foi moi positivo, vitoria e gol de vaselina, tras controlar un balón longo, no 0-2 ante o Mont-Doré de Nova Caledonia.

ptPORTUGAL

Rodrigo Moreno (Benfica) Superliga 17PX 7G Taça de Portugal 4PX 2G Taça da Liga 3PX 1G Champions League 4PX Europa League 2PX 1G

Marcou o gol da vitoria na ida dos oitavos da Europa League, 1-0 contra o Girondins de Burdeos. Gran gol. Na volta foi titular pero logo sería substituído por Cardozo que foi a estrela do partido. Na liga apenas xogou uns intres en Guimaraes pero tivo tempo de marcar un gol. Logo sería titular na goleada ante o Río Ave. Na ida da eliminatoria contra o Newcastle, cuartos de final, iniciou a remontada co gol do 1-1 (logo gañarían 3-1) e tivo unha actuación proveitosa para o equipo, con bos movementos.

Dani Abalo (Beira-Mar) Superliga 3PX

Só tivo minutos no empate a dous contra o Nacional, onde foi titular pero substituído no segundo tempo. Non destacou no partido mais tivo unha ocasión de gol.

seSUECIA

Verónica Boquete (Tyresö) Supercupen 1PX

A tempada oficial inaugurouse coa Supercupen. O Tyresö tropezou outra vez contra o Göteborg, a súa besta negra, que xa lles quitara a Copa no exercicio anterior. Esta vez, o tempo regulamentario rematou con empate a dous e foi na quenda de penaltis onde o Tyresö non estivo atinado. Vero Boquete fixo un bo partido, participou no primeiro gol de xeito determinante e tivo unha boa actuación, xogando coma mediapunta dereita. Tamén anotou o seu lanzamento de penalti pero non foi suficiente. A Damallsvenskan empeza neste mes con Tyresö como máximas favoritas e defensoras do título.

chSUÍZA

Roberto Rodríguez (Bellinzona) Challenge League 6PX 2G

Foi titular nos dous partidos más recentes do Bellinzona, segundo na liga, a catro puntos do líder e cun partido menos. Bo traballo na banda dereita para o asalto á Superliga.

Francisco Rodríguez (Zurich II) 1.Liga Promotion 4PX 1G

O pequeno da familia futbolística Rodríguez empeza a ser fixo nas convocatorias e a xogar con regularidade. Dous partidos entrando no segundo tempo e un de titular, a goleada por 10-1 ao Yverdon no que ademáis marcou un gol.

Raúl Cabanas (SC YF Juventus) 1.Liga Promotion 20PX 9G Copa 1PX

Xogou enteiros os tres partidos do Juventus aínda que non marcou esta vez. O equipo subíu ao primeiro lugar da táboa.

Carlos Varela (Köniz) 1.Liga Grupo 2 13PX 2G Copa 3PX 1G

Carlos foi titular nos dous cómodos trunfos do Köniz para continuar na loita polo ascenso.

Yago Bellón (Kreuzlingen) 1.Liga Grupo 3 15PX 5G Copa 1PX 1G

Titular nas dúas vitorias do Kreuzlingen tralo parón que os afastan da zona de descenso. Yago marcou un gol no 3-2 contra o Gossau.

uaUCRAÍNA

Lucas Pérez (Dynamo Kiev) Premier 17PX 8G Kubok 1PX

Aínda non foi convocado por Oleg Blokhin, que ten fama de esixir moito aos novos. O tempo sen adestrar pola polémica co Karpaty pasou factura polo momento e o adestrador ucraíno comentou que aínda lle falta forma e ten que traballar máis.

Iago Beceiro

Está sen equipo tras os problemas que houbo co Karpaty e non entrar no Dynamo de Kiev. De momento a aventura internacional do xoven talento coruñés non foi satisfactoria. Como, polo momento, non xogou en ningún equipo estranxeiro, non seguirá na lista salvo que haxa novidades.

Grazas a Sergei Filonenko (@bigphil_ua) e silver@plr pola axuda coas infomarcións de Ucraína.

Todas as informacións son froito da observación directa dos partidos ou dos resumos, así como de informacións recollidas na prensa e internet.

Se coñeces a algún futbolista galego que estea xogando polo mundo adiante en calquera categoría, deixa un comentario e aparecerá nesta sección.

Datos actualizados ata o 4 de abril.

Anuncios
Dejar un comentario

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: