Saltar al contenido

BALÓNS FÓRA. EMIGRANTES DO GOL III

diciembre 7, 2012

Xa chega o final do ano e moitas ligas en centroeuropa prepáranse para descansar ata que mellore o tempo. Serán un par de meses sen ver xogar a algúns dos nosos heroes que farán unha segunda pretempada lonxe das paisaxes nevadas nas que habitan. Cambiando de tema e antes de entrar en materia, INFORME DE FÚTBOL quere pedir desculpas pola ausencia do artigo prometido sobre Verónica Boquete. Este blog tenta sentar unhas bases de coñecemento e rigor, e cando se publica un texto pretende aportar información completa e un enfoque distinto. Con esta idea buscouse a colaboración dun experto que non foi posible levar a bo termo. Para a vindeira tempada, a estrela do fútbol feminino estatal volverá a xogar fóra de España e a súa historia será contada mes a mes nesta páxina. Co novo ano chegarán tamén novidades para mellorar esta sección.

Germany-flag-48ALEMAÑA

 

Joselu Mato (TSG 1899 Hoffenheim) Bundesliga 13 Partidos Xogados 4 Goles

Malos tempos para o Hoffenheim que tomou a decisión de cambiar de adestrador. Os resultados levaron por diante a Markus Babbel e o seu substituto –ata o parón invernal- será o preparador do equipo sub23, Frank Kramer. Joselu era fixo para Babbel así que haberá que ver se segue sendo a primeira opción para Kramer. Titular nos partidos de novembro excepto fronte ao Nuremberg, anque tamén xogou, marcou un gol que serviu para sacar o único punto destes cinco encontros na visita ao Fortuna Düsseldorf.

 

Austria-flag-48AUSTRIA

 

Iván Carril (SV Ried) Bundesliga 6 PX Europa League 2PX

O ex do Dépor segue lesionado. Agárdase a súa volta tras o parón invernal.

 

Rubén Rivera (WAC) Bundesliga 14PX 1G ÖFB Cup 3PX 5G

O dianteiro coruñés tivo unha boa actuación nas poucas oportunidades coas que contou nestas últimas xornadas. Tan só participou contra o Wiener Neustadt, entrou na segunda metade e forzou un penalti que non serviu para puntuar. Tamén tivo minutos na última xornada, un empate a dous fronte ao Wacker Innsbruck. Pelexou ben contra defensa rival e deixou algún detalle.

 

Cyprus-flag-48CHIPRE

 

Jonathan Aspas (Alki Larnaca): Division A 9PX 1G Copa 1PX

Foi titular na derrota por 1-0 ante o Omonia mais logo perdeu algúns partidos por lesión. Volveu a xogar na última data: Entrou no segundo tempo vs Ayia Napa con 0-1 pero pese aos esforzos de Aspas e os seus compañeiros perderon 0-2. A mala xeira de resultados provocou o cambio de adestrador, Costas Kaifas dimitiu e Neophytos Larkou firmou esta semana. No vídeo pódese ver a Jonathan Aspas (8) sacar dúas faltas que foron ocasións de perigo.

Pablo Suárez (Doxa Katokopias): Division A 6PX

Dende a chegada do novo técnico o ex Pontevedra participou pero sempre saíndo dende o banco. Os resultados do Doxa afástao da zona de perigo e, invictos en 6 partidos, miran xa cara a zona nobre da táboa. Pablo Suárez tivo minutos en tres dos catro últimos partidos e ficou cos suplentes no último.

Brais Lorenzo (Akritas Chlorakas)  Chipre 2. División – sen datos

Akritas Chlorakas mellora na táboa tras dous trunfos e un empate nos últimos catro partidos.

 

Greece-flag-48GRECIA  

 

Damián Bellón (Veria): Grecia Superliga 7PX

Veria é o pechacancelas da Superliga grega e Bellón segue aparecendo cun papel de revulsivo cada vez máis pequeno. Apenas xoga os últimos minutos dos partidos, malia que segue sendo fixo nas convocatorias.

Hong-kong-flag-48HONG KONG

 

Dani Cancela (Kitchee) HKFA 1ª División 3PX Senior Shield 1PX

O lateral esquerdo coruñés apareceu de novo nas convocatorias para o dobre enfrontamento da Senior Shield contra o líder da liga. Na ida gañou South China 1-0 e non participou e na volta foi titular en casa, pero non lograron remontar.

Yago González (Kitchee) HKFA 1ª División 8PX 2G Senior Shield 2PX

O calendario en Hong Kong é algo antolladizo polo que hai épocas de pouca actividade e mestúranse competicións. Yago non foi titular na eliminatoria fronte ao South China pero participou no segundo tempo de ambos partidos.

Pablo Couñago (Kitchee) HKFA 1ª División 4PX 4G Senior Shield 2PX

O dianteiro da canteira do Celta xa é fixo no once do Kitchee pero non anotou ningún gol na eliminatoria contra o South China.

 

Dieguito Folgar (Southern District) HKFA 1ª División 8PX 2G Senior Shield 2PX

O vigués adaptase cada vez mellor ao fútbol de Hong Kong e o equipo nótao. O xogador con máis talento do Southern District participa moito no xogo ofensivo, xera ocasións, e rende en varias posicións. Tanto na victoria 2-1 fronte Sun Hei na liga, coma na volta de Senior Shield, onde pasaron rolda tras gañar 0-2 ao Sun Pegasus, foi clave no manexo do balón e nas transicións ofensivas.

Jonathan Carril (Southern District) HKFA 1ª División 8PX 5G Senior Shield 2PX 1G

A racha do Southern District coincide cun Jonathan Carril que non está no seu mellor momento de forma pero aínda así consegue aportar moito en cada encontro: asistiu no gol da victoria ante o Sun Hei e marcou o tanto da clasificación para as semifinais da Senior Shield contra o Sun Pegasus na única ocasión que tivo, un gran remate de cabeza que se pode ver no vídeo. Agora agardan ao Tai Po nas semifinais.

 

 Hungary-flag-48HUNGRÍA

 

Goran Maric (Lombard Pápa): NB I 10PX 8G Ligakupa 2PX Magyar Kupa 1PX

En Hungría xa se chegou ao longo parón invernal, e non haberá fútbol ata marzo. O Lombard Pápa marcha na zona baixa de táboa pero con nove puntos sobre o descenso. Ademais pasaron a cuartos de final da Liga Kupa tras ser un dos mellores segundos. Maric segue algo irregular, coma no tolo partido contra o DVTK, tras unha primeira parte frouxa, estivo ben na segunda, marcando dous goles de penalty e xerando perigo. Malia que perdeu algún partido por sanción segue sendo o referente dun ataque que é a mellor zona do equipo.

 

England-flag-48INGLATERRA

 

Iago Falqué (Tottenham Hotspur): League Cup 2PX Premier U21: 4PX 4G. Europa League 3PX

Como cada vez que baixa un chanzo, Falqué marcou as diferenzas na Premier sub 21, con dous goles, varias ocasións e un partidazo ante o Southampton, ao que derrotaron 4-2. Na Europa League tan só participou uns intres contra o Maribor.

Denis Suárez (Manchester City) Premier U21 5PX 2G League Cup 1PX Next Gen Series 3PX 2G

A grande esperanza do fútbol galego xa está recuperado e empeza a adestrar a menor ritmo que os seus compañeiros. Agárdase que volva a xogar nunha semana.

Adrián López ‘Piscu’ (Wigan) Premier 3PX League Cup 2PX

Por fin tivo minutos na Premier League o central de As Pontes. Entrou no lugar de Iván Ramis, mancado, no segundo tempo na agónica vitoria 3-2 ante o Reading. Logo foi titular contra o Manchester City e outra vez entrou no segundo tempo ante Newcastle pero non puideron salvar ningún punto. Piscu entrou algo frío contra o Reading e acusou certa falta de intensidade pero co paso dos minutos mellorou. Nos outros dous partidos xa se lle viu máis asentado e mantivo a raia a Ballotelli.

 

Israel-flag-48ISRAEL

 

Gonzalo García “Recoba” (Maccabi Tel Aviv) Liga Ha’Al 12PX 2G Toto Cup 4PX 2G

A situación xeopolítica e o conflito entre Israel e Palestina afectou ao Maccabi. O segundo adestrador, Gerard Autet, deixou o club. Os resultados recentes non foron tan bos como acostumaban pero mantéñense na cabeza da liga. Gonzalo García segue a ser indispensable para o técnico Óscar García. Esta vez, o mediapunta nado en Uruguai, incluso axudou cun gol na remontada 3:4 ao Ironi Ramat Hasharon (vídeo)

Kazakhstan-flag-48KAZAKSTÁN

 

Gustavo Souto  (Kairat) 9PX 2G

Rematou a tempada en Kazajistán e os xogadores españois do Kairat Almaty quedaron libres.

Portugal-flag-48PORTUGAL

 

Rodrigo Moreno (Benfica) Superliga 8PX 4G Taça de Portugal 2PX Champions League 4PX

Rodrigo non se fai cun posto titular definitivo e accións como a que ocorreu fronte ao Barça, cando fallou só diante de Pinto, tendo tamén a opción de asistir a Nolito que estaba en mellor posición, non axudan. O Benfica baixará á Europa League coa idea de chegar moi lonxe. En liga só xogou contra o Olhanense, onde foi titular e fixo un partido completo para avanzar na Taça da Liga ante o Moreirense.

Switzerland-flag-48SUIZA

 

Raúl Cabanas (SC YF Juventus) 1.Liga Promotion 16PX 8G Copa 1PX

O YF Juventus de Zürich segue na loita polo ascenso á Challenge League (segunda división). Unha única praza que pelexa contra o filial do Basilea. Nestas posicións a exixencia é máxima e dous empates e unha vitoria fixeron baixar ao segundo chanzo da clasificación. Cabanas é fixo no equipo e aportou un gol máis, esta vez de penalti (no vídeo), a súa boa conta.

 

Carlos Varela (Köniz) 1.Liga Grupo 2 11PX 2G Copa 2PX 1G

O mellor momento do Köniz en novembro foi o pase de rolda ante o Winterthur da Challenge League na Copa. O partido rematou con empate a dous goles, e trala prórroga chegaron os penaltis e Carlos Varela marcou o seu, mentras que polo Winterthur fallaron dous xogadores. O premio chega o 9 de decembro cando reciban ao Zürich da Superliga. Quizais por todo isto os resultados na liga non foron bos, sacando un punto en tres partidos aínda que se manteñen na zona alta. Varela foi titular en dous deses encontros.

Yago Bellón (Kreuzlingen) 1.Liga Grupo 3 13PX 4G Copa 1PX 1G

O Kreuzlingen segue cunha traxectoria decepcionante na 1.Liga e non consegue poñer distancia coa zona de descenso. Yago, sen embargo, estivo atinado cara o gol e marcou dúas veces en tres partidos. Na segunda, o seu gol serviu para acadar tres puntos moi necesarios ante o Rapperswil-Jona.

 

Ukraine-flag-48UCRAÍNA

 

Lucas Pérez (Karpaty Lviv) 17PX 8G Kubok 1PX

O Karpaty chegou ao parón ata marzo un posto e 8 puntos por diante do descenso. Lucas é un dos referentes do equipo, normalmente xogando escorado á dereita.  Foi titular en tódolos partidos de novembro. Unha medida da importancia de Lucas no fútbol ucraíno nola dá a táboa de goleadores onde só o superan Ideye Brown e Mkhitaryan.

Iago Beceiro (Karpaty Lviv) 0PX

Agarda a que se abra o mercado de pases para poder ter ficha co club e debutar tras o parón invernal.

 

Todas as informacións son froito da observación directa dos partidos ou dos resumos, así como de informacións recollidas na prensa e internet.

Se coñeces a algún futbolista galego que estea xogando polo mundo adiante en calquera categoría, deixa un comentario e aparecerá nesta sección.

Datos actualizados ata o 6 de decembro.

Anuncio publicitario
2 comentarios
  1. Most10 permalink

    Boas!
    Eu propóñovos que teñades en conta a Ricardo Rodríguez, lateral esquerdo do Wolfsburgo, xa que inda que foi nado en Suiza é de pais emigrantes galegos, da provincia de Pontevedra pra ser mais exactos, á que voltan acotío polo verán, e que son siareiros do Celta, coma dato extra.

    Grandísima sección por certo, os meus parabéns!!!

  2. Ricardo Rodríguez é xunto con Nicolás Lodeiro e algún outro menos coñecido, un dos xogadores que tiña en mente para ampliar a sección. Non tiña eses datos dos seus pais para darme o pequeno empurrón e que apareza cada mes. Terá o seu sitio.

    Moitas gracias pola aportación e os parabéns.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: